Políticas enerxéticas e ambientais na Galiza: metabolismo socioeconómico e conflitos sociais


As políticas enerxéticas e ambientais na Galiza nos últimos anos poden ser analizadas a través da súa coherencia cun metabolismo socioeconómico necesitado de cantidades crecentes de materiais, enerxía e auga. O territorio é visto como un lugar de onde extraer recursos susceptíbeis de seren transformados, dentro ou fóra do país, en bens e servizos diversos por grandes conglomerados empresariais, ou un lugar onde depositar os residuos procedentes das actividades industriais ou de consumo. Desde esta perspectiva, o medio físico é considerado só polas posibilidades que ofrece para estender as relacións económicas capitalistas baseadas na ganancia e no crecemento continuado. Deste modo a lóxica produtivista domina sobre a preservación doutros valores naturais, socioculturais ou dos propios dunha economía fundamentada noutros parámetros máis conservacionistas. Cando existe, a escasa protección ambiental semella dirixida, sobre todo, a un ambiente deshumanizado: os seres humanos poden ser observadores da paisaxe mais non fan parte dela e, polo tanto, poden ser desprazados do territorio en calquera momento. A preeminencia do interese privado duns poucos sobre o público ou colectivo acaba por dirixir a acción política dos gobernos, xustificada por unha suposta utilidade pública ou por un suposto interese social. Estas prácticas conducen inevitabelmente á aparición de conflitos sociais nos que a compoñente ambiental é decisiva, mais que tamén representan un novo escenario no conflito de clases, unha confrontación ideolóxica, unha fractura entre diversos modos de vida e mesmo, se consideramos os lugares onde acontecen, un novo episodio das agresións continuadas sobre o mundo rural.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Venres 1. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

XOÁN R. DOLDÁN GARCÍA. Profesor Titular de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Licenciado en Ciencias Económicas pola USC, Doutor en Ciencias Económicas pola USC, coa tese de doutoramento: Problemas metodolóxicos referidos ao cómputo económico dos fluxos de materiais, enerxía e auga na industria. Análise da súa aplicación á industria manufactureira galega 1992 obtendo a cualificación de Sobresaínte cum laude, Posgraduado en Economía dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente pola Universidade de Alcalá de Henares. Membro do Grupo de Investigación da USC: Bioeconomía. Económica Ecolóxica e dos Recursos Naturais, Presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España, Vicepresidente da Asociación Véspera de Nada. Por unha Galiza sen petróleo (desde decembro de 2015; anteriormente presidente). Ademais, representa a esta asociación en colectivos como ContraMINAcción e a Plataforma Fumigacións Non, Vogal da Asociación de Economía Crítica.

De 2005 a 2008 foi director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e conta entre as súas publicacións:

  • Editor da Guía para o descenso enerxético (2014)
  • Autor de “O metabolismo socioeconómico de Galicia 1996-2010 dentro do libro colectivo O metabolismo económico rexional español (2015)
  • Autor de “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galicia” dentro do libro colectivo Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia (2015)

E outras actividades de investigación:

  • Publicacións: colaboracións en varios libros, e máis de corenta artigos en revistas científicas e de divulgación
  • Máis de 80 Comunicacións /palestras/relatorios en Congresos/Xornadas etc

Dirixiu varias teses de doutoramento e licenciatura sobre sectores productivos: o sector de mexillón en Galiza; o sector eólico en Galiza; revisión das fontes estatísticas do sector eléctrico en España; límites do crecemento económico e problemática medioambiental no pensamento económico…