Apertura da XX SGF


XX Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Compromiso
Apertura da XX Semana Galega de Filosofía

Carme Adán Villamarín
Coordenadora da Aula Castelao de Filosofía

NON

Si dixese que sí,
que todo está moi ben,
que o mundo está moi bon,
que cada quen é cada quen…
Conformidá.

Ademiración…
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Si dixese que acaso
as cousas son esí,
porque sí,
veleí
e non lle demos voltas.
(Si aquil está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.

Si algunhos van de porta en porta
cun saco de cinza ás costas

é porque son uns docas.)

Si dixera que sí…
Entón sería o intre de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.

Pero non.

Queremos dicir non como un acto de afirmación. Como un acto de resistencia para enxendrar espacios de transformación. ¿U-la está a ciudadanía adormecida cando aínda escoitamos os ecos dunha polifonía de voces que berran Nunca Máis, Non a guerra? Adormecidos están os discursos da mascarada imperialista, da palabra fácil propiedade da propaganda.

O resto non estamos adormecidos. Non todo dá igual. Nin somos relativistas, nin nihilistas, pode que nin tan sequera posmodernos porque a modernidade aínda é un proxecto por iniciar. Semella que ás veces estexamos calados. Mais o tempo do silencio tamén é o tempo do pensamento. Do espacio da reflexión que toma distancia e permite a análise. Isto é o que un ano máis propoñemos. Un exercicio de compromiso coa Palabra e o Pensamento que leveda na materialidade da vida cotiá.

O tempo da Filosofía é o tempo do compromiso cunha realidade social que demanda novas ferramentas analíticas para fitar firmemente ao colonialismo da palabra, ao secuestro dos conceptos para tentar deformar unha realidade, que case sempre se resiste. Porque non queremos que se rouben as palabras, porque perfilar os campos semánticos é un labor de séculos de Teoría e Praxe, de Filosofía; hoxe ten máis sentido que nunca unha semana de Filosofía, unha semana sobre o compromiso, unha semana con intelectuais comprometidos e comprometidas con diferentes ámbitos do pensamento e da vida. Unha Semana que recolle unha escolma, todos sería imposíbel, dos máis de cincocentos intelectuais que nos acompañaron na nosa andaina, que recolle parte das temáticas de semanas adicadas á ecoloxía, á democracia, ao poder, á latinoamérica, ao xénero, á lingua, á autodeterminación, á globalización, á ciencia e á tecnoloxía ou ao deporte entre outras, que recolle un esquema para nós xa clasico: as mañás adicadas á Filosofía, as tardes centradas na realidade galega e as noites abertas a focaxes máis xerais. Unha semana que recolle a fidelidade dun público preocupado e participativo. Un encontro aberto e gratuito.
Unha semana para pensar. Pensar Galicia, pensar o mundo, pensarnos. Este foi o obxectivo dunha traxectoria que se iniciou no ano académico 1981-1982 cando un grupo de docentes constituían a Aula Castelao de Filosofía e convertían as Semanas Galegas de Filosofía no punto central da súa actividade anual organizando en 1984 a Primeira Semana Galega de Filosofía que levaba por título Filosofía: Teoría e praxe.

A Aula Castelao de Filosofía ten realizado un grande esforzo para primavera tras primavera organizar este encontro, coa modestia de saber que cinco días para pensar, dialogar e debatir non chegan para parar unha guerra, rexenerar a costa, paliar os problemas sociais e económicos derivados da neglixencia política, evitar as desigualdades, frear a perversión da globalización mercantil e un longo ecetera, pero si co compromiso de quen traballa a prol do pensamento que non ten fronteiras, da heteroxeneidade dos discursos, da confección de múltiples lentes para ver unha realidade máis rica e complexa.

Benvidas e benvidos á vixésima Semana Galega de Filosofía.

Benvido Ilustrísimo Alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, que neste momento representa a un Concello que apostou sempre polo noso proxecto. Que entende que a cultura é unha das partes fundamentais dunha cidade aberta e acolledora.

Benvido Vicerrector, Antón Fernández, que representa a Universidade de Vigo, que apoia unha entidade totalmente independente do seu organigrama como é a nosa.

Asemade, o agradecemento o resto das institucións que fixeron posíbel a organización desta Semana de Filosofía, Caixanova parte fundamental do noso patrocinio e que desde o principio cedeu as súas instalacións e a Deputación de Pontevedra a quen lle debemos o patrocinio do material impreso que entregamos aos asistentes. Agradecemos tamén o esforzo que fai o Colexio de Avogados desta cidade que colabora de forma importante dentro das súas posibilidades. Lamentamos non poder agradecer o patrocinio da Xunta de Galicia, nada interesada nin na formación do profesorado nin na cultura fóra do espectáculo mediático.

Dun xeito especial debemos salientar a colaboración do Concello de Pontevedra e o Vicerrectorado de Extensión Universitaria coa Aula Castelao no Patrocinio do Concerto MarUxia, que hoxe ás 8:30 conmemora vinte primaveras de pensamento crítico na Cidade de Pontevedra.

Vinte anos organizando as Semanas Galegas de Filosofía, un encontro que persigue a participación e o debate, que desde o seu nacemento agarda ser unha fiestra aberta ao mundo.