humanidades


MANIFESTO EN DEFENSA DAS HUMANIDADES

Desde o profundo convencemento de que o hiato existente entre ciencias e humanidades debe dar paso inmediato a un achegamento, e de que este trazo debería definir a tan debatida -desde os anos sesenta do pasado século!- terceira cultura, comezamos o noso alegato:

Porque o feito de primar as ciencias sobre as humanidades déixanos en orfandade. Quedamos redeadas e rodeados polo útil, concibido como aquilo que xera solucións a curto prazo, e polo universo do artificial, aparentemente perfecto (non hai máis que ver os nosos sistemas educativos onde se impón o manexo da tecnoloxía, da informática, os procedementos algorítmicos e a economía formalista, xunto co inglés claro está). Pero esquecémonos de que a intelixencia é algo máis: é o razoamento, a reflexión, o tomar decisións e o formarse unha idea determinada da realidade.