Galiza insírese no Estado Español dun xeito politicamente dependente e economicamente periférico, xa que logo, alleo aos centros de decisión política e económica. A pertenza do Estado español á Unión Europea, onde o Estado español forma parte dos países periféricos dunha unión que prima os intereses do capital financeiro franco-alemán, reforza a condición do noso país como “periferia da periferia” europea, agravada pola total ausencia de compromiso político na defensa dos nosos sectores produtivos por parte do Estado, especialmente evidente xa nas negociacións de entrada na CEE en 1986.
A falta de capacidade de decisión política ten un impacto directo na nosa economía e na potencialidade do noso país para xerar un desenvolvemento endóxeno. Os exemplos son múltiples. Dende unha política estatal de infraestruturas pensada desde e para Madrid ate unha reestruturación bancaria levada a cabo dende os poderes político-económicos centralistas, que tivo como consecuencia a perda de entidades financeiras propias e un espolio sen precedentes do noso aforro; pasando polo sector eléctrico, onde Galiza é excedentaria na produción de electricidade, soportando custos sociais e medioambientais, mais sen obter beneficio algún desa condición. Non en van, moitos economistas teñen acuñado o termo de “capitalismo castizo” para referirse á importancia que ten a proximidade aos círculos de poder político da capital do Estado español para a obtención de beneficios.
Porén, o discurso oficial trata de presentarnos a Galiza como un territorio atrasado, que depende para subsistir dunha suposta solidariedade estatal. As balanzas fiscais, que amosan os fluxos fiscais entre Galiza e o Estado español, son o instrumento do que se valen para defender esa tese. Neste sentido compre facer unha fonda crítica á metodoloxía empregada nas mesmas así como á interpretación que se realiza dos seus resultados.
Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Martes 29. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA
ALEIXO VILAS CASTRO. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela 1998-2003. Estudos de Doutorado en Economía Aplicada (USC). Diploma de Estudos Avanzados (DEA) 2003-2005.
Participou nos seguintes proxectos de investigación: “Desigualdades interrexionais e intrarrexionais en Europa: o papel da diversidade estrutural e institucional na evolución das disparidades rexionais” (2003-2005). “O sistema galego de innovación na primeira década do século XXI e a economía baseada no coñecemento: novos sectores, novas infraestruturas, novos axentes” (2005). Publicacións: “Examinando a desigualdade global: a evolución das desigualdades internas e entre países no contexto da globalización”, Revista: Economía de Galicia. Exerce a coordinación da Comisión Nacional de Economía, Industria e Emprego do BNG. Ten colaborado como columnista en diferentes medios escritos como Sermos Galiza ou La Voz de Galicia, e participado en numerosas conferencias sobre temáticas como o sector eléctrico de Galiza, financiamento autonómico, balanzas fiscais, etc.