Desde Platón, como subliñan diversos autores e autoras (Alasdair MacIntyre, Martha Nussbaum, Adriana Cavarero) a historia da filosofía ignora a vulnerabilidade humana. Nos últimos anos, non obstante, constatase que a vulnerabilidade vai adquirindo unha presenza cada vez máis importante no pensamento filosófico, ético e político. Ben é certo que desde os anos setenta a vulnerabilidade aparece no vocabulario da man do medioambientalismo e do ecoloxismo en referencia ao dano que se causa ou se pode causar a seres vivos, organismos, ecosistemas, xa pola acción humana, xa por catástrofes naturais. Igualmente, despois do 11 de setembro do 2001, faise un uso moi extensivo do termo, referindo aos temores, aos medos, ás inseguridades, á indefensión ou ao estar expostos, acrecentados pola dimensión global e os cambios na sociedade contemporánea. Malia o uso xeneralizado, a vulnerabilidade esixe unha maior precisión conceptual e tamén a súa comprensión como experiencia, esixe indagar nas súas articulacións ontolóxicas, éticas e políticas. Cuestións tais como se a vulnerabilidade é unha categoria negativa, se é unha condición universal ou non, se é unha noción relacional ou si pode sustraerse do campo da violencia, non só nos levarán a reflexionar sobre a vulnerabilidade compartida, sobre a súa distribución diferencial (sobre as vulnerabilidades, os grupos vulnerables, a precariedade, a fraxilidade), senón tamén sobre o humano, inhumano, posthumano, transhumano. Á derradeira, pensar as políticas da vulnerabilidade e a xustiza.
Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Luns 28. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA
María Xosé Agra Romero. Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación. Sección Filosofía (1978) pola Universidade de Santiago de Compostela. Grado de Licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación Sección Filosofía (1980) pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutora en Filosofía e Ciencias da Educación Sección Filosofía (1984) pola Universidade de Santiago de Compostela. Catedrática de Filosofía Política. Área de Filosofía Moral (Universidade de Santiago de Compostela). Membro do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos de Xénero (CIFEX) da Universidade de Santiago de Compostela. Membro da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos (USC). Coordinadora da Comisión de Igualdade e membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.