Artigo de Samir Amin sobre a “primavera árabe”


Samir Amin, quen clausurou a pasada SGF, agasállanos cun artigo onde fai unha análise dos acontecementos que se están a vivir no mundo árabe. Aquí podedes ler ou descargar o artigo traducido ao galego e maila súa versión orixinal no idioma francés.

2011: a primavera árabe?

SAMIR AMIN

O ano 2011 comezou cunha serie de estrepitosas explosións de cólera dos pobos árabes. Dará lugar esta primavera árabe a unha segunda fase do “espertar do mundo árabe”? Ou ben estas revoltas acabarán estancándose e finalmente fracasarán –como sucedeu coa primeira fase deste espertar tratado no meu libro L’éveil du Sud (O espertar do Sur)? Na primeira hipótese, os avances do mundo árabe inscribiranse necesariamente no movemento de superación do capitalismo/imperialismo a escala mundial. O fracaso mantería o mundo árabe na súa condición actual de periferia dominada, impedíndolle acadar o rango de actor activo na configuración do mundo.

Sempre é perigoso xeneralizar ao falar do “mundo árabe”, ignorando a diversidade das condicións obxectivas que caracterizan cada un dos países que o compoñen. Centrarei, xa que logo, as reflexións que seguen en Exipto, país ao que se pode recoñecer sen dificultade un maior protagonismo na evolución xeral da rexión. 

Exipto foi o primeiro país da periferia do capitalismo mundializado que tentou “emerxer”. Bastante antes ca o Xapón e a China, desde os comezos do século XIX, Mohammed Alí concibira e puxera en práctica un proxecto de renovación de Exipto e dos seus veciños inmediatos do Mashreq árabe. Esta destacada experiencia ocupou os dous primeiros terzos do século XIX e só se esvaeceu tardiamente na segunda metade do reinado do Xedive Ismaíl, ao longo da década de 1870. A análise do seu fracaso non pode ignorar a violencia da agresión exterior da potencia dominante no capitalismo industrial da época – Gran Bretaña. Por dúas veces, primeiro en 1840, e logo durante a década de 1870 ao tomar o control das finanzas do país, e finalmente coa ocupación militar (1882), Inglaterra perseguiu encarnizadamente o seu obxectivo: facer fracasar a emerxencia dun Exipto moderno. Sen dúbida o proxecto exipcio posuía os seus límites, os que definen a época, xa que se trataba dun proxecto de emerxencia en e para o capitalismo, a diferenza do proxecto da segunda tentativa exipcia (1919-1967) sobre a cal volverei máis adiante. Sen dúbida, as contradicións sociais propias deste proxecto así como as concepcións políticas, ideolóxicas e culturais sobre as que se desenvolveu, tiveron a súa parte de responsabilidade neste fracaso. Aínda que sen a agresión do imperialismo esas contradicións poderían ser superadas, como suxire o exemplo xaponés.

O Exipto emerxente derrotado estivo sometido durante preto de corenta anos (1880-1920) á condición de periferia dominada, e as súas estruturas foron reformadas para servir de modelo da acumulación capitalista/imperialista da época. A regresión imposta golpeou, máis alá do sistema produtivo do país, as súas estruturas políticas e sociais, e tamén reforzou sistematicamente as concepcións ideolóxicas e culturais nostálxicas e reaccionarias útiles para manter o país nun estado de subordinación.

Exipto, é dicir, o pobo, as elites, a nación que representa, nunca aceptou esa situación. Este rexeitamento obstinado está na orixe dunha segunda onda de movementos ascendentes que se despregaron durante o seguinte medio século (desde 1919 até 1967). Eu interpreto este período como un tempo de loita continuada e avances importantes. O obxectivo era triplo: democracia, independencia nacional e progreso social. Estes tres obxectivos –por limitadas e, ás veces confusas, que fosen as súas formulacións– son indisociables. Esta interconexión dos obxectivos é a expresión dos efectos da integración do Exipto moderno no sistema do capitalismo / imperialismo mundializado da época. Nesta lectura, o capítulo aberto pola cristalización nasserista (1955-1967) non é máis ca o último capítulo deste longo período ascendente de loitas inaugurado pola revolución de 1919-1920.

A primeira fase neste medio século de loitas de emancipación en Exipto centrouse –coa formación do partido Wafd en 1919– na modernización política, mediante a adopción dunha forma burguesa de democracia constitucional, e na recuperación da independencia. A forma democrática imaxinada permitía un avance laicizante –non laico no sentido radical do termo– simbolizado pola bandeira, onde se combinaba a media lúa e a cruz (e que reapareceu nas manifestacións de xaneiro e febreiro de 2011). Unhas eleccións «normais» permitían daquela non só que os coptos fosen elixidos por parte de maiorías musulmás, senón tamén que os mesmos coptos exercesen altos cargos do Estado, sen que isto supuxese o menor problema.

O poder británico, co apoio activo do bloque reaccionario composto pola monarquía, os terratenentes e os campesiños ricos, empregou todos os esforzos en facer retroceder os avances democráticos do Exipto wafdista. A ditadura de Sedki Pachá na década de 1930 (abolición da constitución democrática de 1923) enfrontouse ao movemento estudantil, á cabeza das loitas democráticas antiimperialistas. Non é casualidade que, para reducir o perigo, a embaixada británica e o palacio real apoiaran activamente a creación dos Irmáns Musulmáns (1927), grupo inspirado no pensamento islamita na súa versión « salafista » (tradicional) wahabí formulada por Rachid Reda, é dicir, a versión máis reaccionaria (antidemocrática e contraria ao progreso social) do novo « Islam político».

Ante a conquista de Etiopía emprendida por Mussolini e a perspectiva dunha guerra mundial, Londres viuse obrigado a facer concesións ás forzas democráticas, permitindo o regreso do Wafd en 1936 e a sinatura do Tratado anglo-exipcio do mesmo ano – un Wafd, polo demais, xa  «apaciguado». A Segunda Guerra Mundial constituíu unha especie de paréntese. Pero o fluxo ascendente das loitas volveu comezar, a partir do 21 de febreiro de 1946, coa constitución do bloque obreiro-estudantil, fortalecido na súa radicalización pola aparición dos comunistas e o movemento obreiro. Aí novamente, as forzas da reacción exipcia, co apoio de Londres, opuxéronse violentamente e mobilizaron aos Irmáns Musulmáns para apoiar unha segunda ditadura de Sedki Pachá, sen chegar a silenciar o movemento. Trala volta do Wafd ao goberno, a súa denuncia do Tratado de 1936 e o comezo da guerrilla na zona da Canle aínda ocupada, só puideron ser desbaratados polo incendio do Cairo (1951), unha acción en que estiveron involucrados os Irmáns Musulmáns.

O primeiro golpe de Estado dos oficiais libres (1952), pero sobre todo o segundo, que deu lugar á toma de control de Nasser (1954), viñeron coroar este período ascendente de loitas, segundo algúns, ou acabaron con elas, segundo outros. O nasserismo substituíu a lectura que propuxen do espertar exipcio por un discurso ideolóxico que borraba toda a historia dos anos 1919-1952 até facer remontar a revolución exipcia a xullo de 1952. Nese momento, moitos dos comunistas denunciaron este discurso e analizaron os golpes de Estado de 1952 e 1954 como destinados a acabar coa radicalización do movemento democrático. Non se equivocaban, porque o nasserismo só cristalizou como proxecto antiimperialista despois de Bandung (abril 1955). Daquela, o nasserismo levou a cabo o que podía ofrecer: unha postura internacional resoltamente antiimperialista (asociada aos movementos panárabe e panafricano) e reformas sociais progresistas (pero non socialistas). Todo iso desde arriba, non só sen democracia (prohibindo ás clases populares organizárense para e por si mesmas), senón tamén anulando toda forma de vida política. O baleiro creado invitaba o Islam político a enchelo. O proxecto esgotou o seu potencial de avances nun período breve de tempo: dez anos, desde 1955 até 1965. A perda de pulo deu ao imperialismo, xa entón dirixido por Estados Unidos, a oportunidade de quebrar o movemento mobilizando a tal efecto o seu instrumento militar rexional: Israel. A derrota de 1967 marcou o final deste medio século de ascenso. O retroceso iniciouno o propio Nasser, ao elixir o camiño das concesións á dereita (a infitah, a apertura, entendida como apertura á mundialización capitalista) no canto da radicalización pola que loitaban, entre outros, os estudantes (cuxo movemento ocupou un lugar central en 1970, pouco antes e despois da morte de Nasser). Sadat, o seu sucesor, acentúa a deriva á dereita e integra os Irmáns Musulmáns no seu novo sistema autocrático. Mubarak seguiu despois na mesma liña.

O período de retroceso que segue (1967-2011) cobre case medio século. Exipto, sometido ás esixencias do liberalismo mundializado e ás estratexias de Estados Unidos, deixou de existir como axente activo a escala rexional e internacional. Na rexión, os principais aliados de Estados Unidos –Arabia Saudita e Israel– ocuparon o centro da escena. Israel puido así avanzar na súa colonización da Palestina ocupada, coa complicidade tácita de Exipto e os países do Golfo.

O Exipto de Nasser establecera un sistema económico e social criticable pero coherente. Nasser apostou pola industrialización para saír da especialización internacional colonialista, que limitaba o país á exportación de algodón. Este sistema permitiu unha distribución dos ingresos favorable ás clases medias en expansión, sen empobrecer ás clases populares. Sadat e Mubarak procederon ao desmantelamento do sistema produtivo, que foi substituído por outro completamente incoherente, baseado exclusivamente na procura da rendibilidade das empresas, na súa maioría subcontratistas do capital dos monopolios imperialistas. As taxas de crecemento supostamente elevadas de Exipto, enxalzadas desde hai trinta anos polo Banco Mundial, non teñen ningún significado. O crecemento exipcio é extremadamente vulnerable. Este crecemento, por outra banda, estivo acompañado dun incrible aumento da desigualdade e o desemprego que afecta á maioría da mocidade. A situación era explosiva… e explotou.

A aparente estabilidade do réxime que Washington tanto eloxiaba baseábase nunha maquinaria policial monstruosa (1.200.000 homes fronte a só 500.000 no exército), que cometía abusos criminais habituais. As potencias imperialistas afirmaban que este réxime protexía a Exipto dunha alternativa islamita, pero iso non é máis ca unha vulgar mentira. De feito, o réxime incorporara plenamente o Islam político reaccionario (segundo o modelo wahabí do Golfo) no seu sistema de poder, concedéndolle a xestión da educación, a xustiza e os grandes medios (a televisión en particular). O único discurso autorizado era o das mesquitas salafistas, o que lles permitía aparecer como oposición. A duplicidade cínica do discurso do establishment estadounidense (e neste sentido Obama non é diferente de Bush) serve perfectamente aos seus obxectivos. O apoio de facto ao Islam político destrúe a capacidade da sociedade para facer fronte aos desafíos do mundo moderno (é a causa da degradación catastrófica da educación e a investigación), mentres que a denuncia ocasional dos abusos (o asasinato de coptos, por exemplo) serve para lexitimar as intervencións militares de Washington, inmerso na chamada «guerra contra o terrorismo». O réxime exipcio podía parecer tolerable mentres funcionou a válvula de escape da emigración masiva do pobres e clases medias aos países produtores de petróleo. O esgotamento deste sistema (a substitución de traballadores procedentes dos países árabes por inmigrantes asiáticos) supuxo o rexurdimento das resistencias. As folgas obreiras de 2007 –as máis importantes do continente africano en 50 anos–, a resistencia obstinada dos pequenos agricultores ameazados de expropiación polo capitalismo agrario, a formación de círculos de protesta democrática nas clases medias (os movementos Kefaya e Seis de abril) anunciaban a inevitable explosión, esperada en Exipto aínda que sorprendera aos chamados observadores internacionais. Entramos pois nunha nova fase de aumento das loitas de liberación, das que teremos que analizar a súa dirección e desenvolvemento.

Os compoñentes do movemento democrático

A revolución exipcia en curso ilustra a posibilidade do anunciado fin do sistema neoliberal, posto en causa en todas as súas dimensións: política, económica e social. Este masivo movemento do pobo exipcio asocia tres compoñentes activos: a mocidade «repolitizada» por propia vontade e con formas «modernas» que eles mesmos inventaron, as forzas da esquerda radical e as forzas reunidas polas clases medias demócratas.

A mocidade (arredor dun millón de activistas) foi a punta de lanza do movemento. A eles uníronse inmediatamente a esquerda radical e as clases medias demócratas. Os Irmáns Musulmáns, cuxos dirixentes chamaron a boicotear as manifestacións os primeiros catro días (persuadidos de que a represión provocaría a súa desbandada) só aceptaron o movemento tardiamente, cando a chamada, oída por todo o pobo exipcio, producira xa enormes mobilizacións de 15 millóns de manifestantes.

A mocidade e a esquerda radical perseguen tres obxectivos comúns: a restauración da democracia (fin do réxime militar e policial), a instauración dunha nova política económica e social favorable ás clases populares (ruptura coa submisión ás esixencias do liberalismo mundializado) e unha política internacional independente (ruptura coa submisión ás esixencias hexemónicas de Estados Unidos e co despregamento do seu control militar sobre o planeta). A revolución democrática á que chaman é unha revolución democrática, antiimperialista e social. Aínda que o movemento xuvenil mostra diversidade na súa composición social e nas súas expresións políticas e ideolóxicas, no seu conxunto sitúase á esquerda. As grandes manifestacións espontáneas de simpatía coa esquerda radical así o testemuñan.

As clases medias concéntranse arredor dun único obxectivo de democracia, sen poñer necesariamente en cuestión o mercado no seu estado actual ou o aliñamento internacional de Exipto. Non debemos ignorar o papel dun grupo de blogueiros que participan –consciente ou inconscientemente– nun verdadeiro complot organizado pola CIA. Os seus dirixentes son polo xeral xoves de clase alta, americanizados en extremo, que porén adoptan a pose de contestatarios contra as ditaduras existentes. O tema da democracia, nunha versión imposta pola manipulación de Washington, domina as súas intervencións na rede. Deste xeito participan na cadea de actores das contrarrevolucións orquestradas por Washington, disfrazadas de revolucións democráticas, segundo o modelo das revolucións de cores de Europa do Leste. Con todo sería erróneo concluír que este complot é a causa das revoltas populares. A CIA segue tratando de cambiar o sentido do movemento, de afastar os militantes dos seus obxectivos de transformación social progresista e desvialos cara a outros terreos. As posibilidades de éxito deste complot son altas se o movemento no seu conxunto fracasa na construción de converxencias entre os seus diferentes compoñentes, na identificación de obxectivos estratéxicos comúns e na invención de formas de organización e acción efectivas. Hai mostras deste fracaso, en Filipinas e Indonesia por exemplo. É interesante sinalar aquí que os nosos blogueiros, que se expresan en inglés en vez de árabe, lanzados en defensa da democracia á americana, expoñen con frecuencia argumentos destinados a lexitimar aos Irmáns Musulmáns.

A chamada á protesta feita polos tres compoñentes activos do movemento foi escoitada rapidamente por todo o pobo exipcio. A represión, dunha violencia extrema os primeiros días (máis dun milleiro de mortos) non desanimou a mocidade e aos seus aliados (que en ningún momento chamaron na súa axuda ás potencias occidentais como se viu noutros lugares). A súa coraxe foi o elemento decisivo que implicou na protesta a través de todos os barrios das grandes e pequenas cidades, e das vilas, a quince millóns de manifestantes, durante días e días (e ás veces noites). Este éxito político fulminante tivo os seus efectos: o medo cambiou de bando. Hillary Clinton e Obama descubriron daquela que debían abandonar a Mubarak, a quen até entón apoiaran, mentres que os dirixentes do exército saían do silencio, negábanse a tomar o relevo da represión –salvagardando así a súa imaxe– e finalmente depoñían a Mubarak e a algúns dos seus principais secuaces.

A xeneralización do movemento a todo o pobo exipcio constitúe en si mesma un reto positivo. Pois este pobo, como todos os demais, está lonxe de formar un conxunto homoxéneo. Algúns dos segmentos que o compoñen reforzan, sen dúbida, a perspectiva dunha radicalización posible. A entrada na batalla da clase obreira (arredor de 5 millóns de traballadores) pode ser decisiva. Os traballadores en loita nas numerosas folgas fixeron avanzar as formas de organización iniciadas en 2007. Actualmente existen máis de cincuenta sindicatos independentes. A tenaz resistencia dos pequenos agricultores ás expropiacións, provocadas pola cancelación da lei de Reforma Agraria (os Irmáns Musulmáns votaron no parlamento a favor de leis inxustas, baixo o pretexto de que a propiedade privada sería sagrada para o Islam e que a reforma agraria está inspirada polo demo comunista), contribúe igualmente á radicalización do movemento. Queda unha enorme masa de pobres que participaron activamente nas manifestacións de febreiro de 2011 e que se encontran decote nos comités populares formados nos barrios para defender a revolución. Estes pobres poden dar a impresión (polas barbas, os veos, a vestimenta) de que o país profundo é islámico ou está mobilizado polos Irmáns Musulmáns. De feito, a súa aparición na política impúxose á dirección da organización. A carreira acaba de comezar: ¿quen conseguirá formular alianzas eficaces coas masas desorientadas, ou sexa «encadralas» (termo que rexeito): os Irmáns e os seus socios islamitas (salafistas) ou a alianza democrática?

Estanse levando a cabo avances significativos na construción dunha fronte unida de forzas democráticas e traballadores. Cinco partidos de orientación socialista, o Partido Socialista Exipcio, a Alianza Popular Democrática –a maioría ex membros do partido Tagammu– o Partido Democrático dos Traballadores, o Partido Socialista Revolucionario (trotskista) e o Partido Comunista exipcio (ex compoñente de Tagammu), crearon en abril de 2011 unha alianza das forzas socialistas e comprometéronse a continuar a súa loita común. Paralelamente formouse un Consello Nacional (Maglis Watany) constituído por todas as forzas políticas e os actores do movemento (partidos de orientación socialista, diversos partidos democráticos, sindicatos independentes, organizacións campesiñas, redes de xoves e numerosos colectivos sociais). Os Irmáns Musulmáns e os partidos de dereita rexeitaron participar neste Consello, reafirmando o que xa sabemos: a súa oposición á continuidade do movemento. O Consello reúne aproximadamente a 150 membros.

Fronte ao movemento democrático, o bloque reaccionario

Ao igual que no pasado período de crecemento das loitas, o movemento democrático antiimperialista e social  enfróntase en Exipto a un bloque reaccionario de gran poder. Este bloque pode identificarse en termos dos seus compoñentes sociais (de clases, obviamente), pero tamén en relación cos que definen os seus medios de acción política e o discurso ideolóxico ao servizo dela.

En termos sociais, o bloque reaccionario está dirixido pola burguesía exipcia no seu conxunto. As formas de acumulación dependente no curso dos últimos 40 anos propiciaron a aparición dunha burguesía rica, beneficiaria exclusiva da desigualdade escandalosa que acompañou a este modelo liberal-mundializado. Trátase de decenas de miles non de empresarios creativos –como o discurso do Banco Mundial os presenta– senón de millonarios e multimillonarios que deben a súa fortuna, todos eles, á súa conivencia co aparato político (a corrupción é un compoñente orgánico do sistema). Trátase dunha burguesía compradora (na linguaxe política corrente de Exipto a xente chámalles parasitos corruptos). Apoia activamente a inclusión de Exipto na mundialización imperialista contemporánea e é aliada incondicional de Estados Unidos. Esta burguesía conta entre as súas filas con moitos xenerais do exército e da policía, con civís vinculados co Estado e o partido gobernante (Nacional Democrático), creado por Sadat e Mubarak, e con relixiosos (todos os líderes dos Irmáns Musulmáns e os principais xeques de Al-Azhar, todos eles multimillonarios). Certamente, aínda existe burguesía de pequenos e medianos empresarios activos, pero estes tamén son vítimas do sistema de extorsión creado pola burguesía compradora, e vense con frecuencia reducidos á condición de subcontratistas dominados polos monopolios locais, que á súa vez son correas de transmisión dos monopolios estranxeiros. No sector da construción esta situación é case xeneralizada: os «grandes» conseguen as adxudicacións de obras, que logo subcontratan aos «pequenos». Esta burguesía de auténticos emprendedores ve con verdadeira simpatía o movemento democrático.

A vertente rural do bloque reaccionario non é menos importante. Componse de campesiños ricos que foron os principais beneficiarios da reforma agraria nasserista, e que substituíron a antiga clase dos grandes terratenentes. As cooperativas agrícolas creadas polo réxime nasserista asociaban os pequenos agricultores e os campesiños ricos, e o seu funcionamento beneficiaba principalmente os ricos. Porén, o réxime tomara medidas para limitar os prexuízos aos pequenos agricultores. Máis tarde, estas medidas foron abandonadas por Sadat e Mubarak, por recomendación do Banco Mundial, e o campesiñado rico acelerou a desaparición dos pequenos agricultores. Os campesiños ricos sempre foron unha clase reaccionaria no Exipto moderno, e agora sono máis ca nunca. Tamén son o apoio principal do Islam conservador no campo e, a través da súa estreita relación (con frecuencia familiar) cos representantes do aparato do Estado e a relixión, (Al Azhar é o equivalente a unha igrexa musulmá organizada) dominan a vida social rural. Ademais unha boa parte das clases medias urbanas (oficiais do exército e a policía, pero tamén tecnócratas e profesionais) proceden directamente do campesiñado rico.

Este bloque social reaccionario dispón de instrumentos políticos ao seu servizo: o exército e a policía, as institucións do Estado, un partido político privilexiado (unha especie de partido único de facto) –o Partido Nacional Democrático, creado por Sadat,–, o aparato relixioso (Al Azhar) e as correntes do Islam político (os Irmáns Musulmáns e os salafistas). A axuda militar concedida por Estados Unidos ao exército exipcio (1.500 millóns de dólares anuais) nunca estivo destinada a fortalecer a capacidade defensiva do país, senón, ao contrario, a eliminar os perigos mediante a corrupción sistemática, non só coñecida e tolerada senón tamén apoiada positivamente, de maneira cínica. Esta suposta axuda permitiu aos oficiais de máis alto rango apropiarse de importantes sectores da economía compradora exipcia, até o punto de que en Exipto se fala da sociedade anónima-militar (Sharika al geish). O mando do exército que asumiu a responsabilidade de dirixir o período de transición non é, por tanto, neutral, aínda que tomase a precaución de parecelo, ao desvincularse da represión. O goberno civil ás súas ordes (cuxos membros foron nomeados polo alto mando), integrado en parte por homes do antigo réxime elixidos entre as persoas de máis baixo perfil, tomaron unha serie de medidas totalmente reaccionarias para frear a radicalización do movemento. Entre estas medidas figura unha perversa lexislación contra a folga, baixo pretexto de reactivar a economía do país; ademais dunha lei que impón severas restricións á formación de partidos políticos co fin de permitir a entrada no xogo electoral só ás correntes do Islam político (os Irmáns Musulmáns en particular) xa ben organizadas grazas ao apoio sistemático do réxime anterior. E malia todo isto, a actitude do exército segue sendo en última instancia imprevisible. Porque, a pesar da corrupción dos seus cadros (os soldados son recrutados obrigatoriamente, pero os oficiais son profesionais), o sentimento nacionalista non está ausente en todos os casos. Ademais, o exército lamenta ter sido practicamente descartado do poder en beneficio da policía. Nestas circunstancias, e dado que o movemento expresou firmemente o desexo de separar ao exército da dirección política do país, é probable que o alto mando considere no futuro permanecer entre bastidores, renunciando a presentar os seus homes nas próximas eleccións.

Se ben, obviamente, o aparato policial se mantén intacto (non se contempla ningunha actuación contra os seus funcionarios), tal coma o conxunto do aparato estatal (os novos gobernantes son todos do antigo réxime), o Partido Democrático Nacional desapareceu na tormenta e a súa disolución foi sancionada pola xustiza. Porén, confiemos na burguesía exipcia, que saberá facer revivir o seu partido baixo novos nomes.

O Islam político

Os Irmáns Musulmáns constitúen a única forza política que o réxime non só tolerou senón que apoiou activamente no seu desenvolvemento. Sadat e Mubarak confiáronlles a xestión de tres institucións fundamentais: a educación, a xustiza e a televisión. Os Irmáns Musulmáns non foron nunca, nin poden ser, «moderados» e menos aínda «democráticos». O seu líder –o mourchid (traducido, guía ou Führer)– é autoproclamado e a organización baséase no principio da disciplina e o cumprimento das ordes dos xefes, sen discusión de ningún tipo. A dirección está constituída exclusivamente por homes inmensamente ricos (grazas, entre outras cosas, ao apoio financeiro de Arabia Saudita, é dicir, de Washington), os cadros fórmanos homes xurdidos das faccións escurantistas das clases medias, e a base está composta por persoas correntes recrutadas polos servizos sociais de caridade que ofrece a Irmandade, (sempre financiados por Arabia Saudita) mentres as forzas de choque están formadas por milicias (os baltaguis) recrutadas no lúmpen.

Os Irmáns Musulmáns están vinculados a un sistema económico baseado no mercado e totalmente dependente do exterior. En realidade, son un compoñente da burguesía compradora. Tamén tomaron posición contra as grandes folgas da clase obreira e as loitas dos campesiños por conservar a propiedade da terra. Os Irmáns Musulmáns só son «moderados» no dobre sentido de que sempre se negaron a formular un programa económico e social propio, e de que por esta mesma razón non cuestionan as políticas neoliberais reaccionarias e aceptan de facto a submisión ás esixencias do control de EE.UU. no mundo e na rexión. Por tanto son aliados útiles para Washington (¿hai un aliado mellor de Estados Unidos que Arabia Saudita, o patrón dos Irmáns?), quen lles outorgou un «certificado de democracia».

Pero Estados Unidos non pode confesar que a súa estratexia ten como obxectivo establecer réximes islámicos na rexión. Ten que facer ver que lle dan medo. Deste modo lexitima a súa «guerra permanente contra o terrorismo», que en realidade persegue outros obxectivos: o control militar do planeta destinado a reservar para Estados Unidos-Europa-Xapón o acceso exclusivo aos recursos. Unha vantaxe  adicional desta duplicidade é que permite mobilizar a islamofobia da opinión pública. Europa, como sabemos, non ten unha estratexia específica respecto á rexión e conténtase con aliñarse coas decisións cotiás de Washington. É máis necesario que nunca poñer en evidencia a verdadeira duplicidade da estratexia de Estados Unidos, coa cal se engana á opinión pública, habilmente manipulada. Máis que a calquera outra cousa Estados Unidos (e tras deles, Europa) teñen medo dun Exipto verdadeiramente democrático que, sen dúbida, poría en cuestión o seu aliñamento co liberalismo económico e a estratexia agresiva de Estados Unidos e a OTAN. Farán calquera cousa para que Exipto non sexa democrático e, con este fin, apoiarán por todos os medios, pero con hipocrisía, a falsa alternativa dos Irmáns Musulmáns, que demostraron ser só unha minoría no movemento do pobo exipcio por un cambio real.

A colusión entre as potencias imperialistas e o Islam político non é, en realidade, nin nova nin propia de Exipto. Os Irmáns Musulmáns, desde a súa creación en 1927 até hoxe, foron sempre un aliado útil para o imperialismo e o bloque reaccionario local, e sempre foron inimigos feroces dos movementos democráticos en Exipto. Os multimillonarios que dirixen hoxe a Irmandade non se van unir á causa democrática. O Islam político é igualmente o aliado estratéxico de Estados Unidos e dos socios menores da OTAN en todo o mundo musulmán. Washington armou e financiou aos talibáns, cualificados como heroes da liberdade (freedom fighters) na súa guerra contra o réxime nacional popular cualificado de comunista (antes e despois da invasión soviética). Cando os talibáns cerraron as escolas de nenas creadas polos «comunistas», apareceron algúns «demócratas» e incluso algunhas «feministas» que esixían a necesidade de respectar as tradicións.

En Exipto, os Irmáns Musulmáns  teñen agora o apoio da corrente salafista (tradicionalista), tamén financiada abundantemente polos países do Golfo. Os salafistas cualifícanse de extremistas (wahabís convencidos, intolerantes fronte a calquera outra interpretación do Islam) e son os promotores dos asasinatos sistemáticos de coptos. Tales operacións son difíciles de imaxinar sen o apoio tácito (e ás veces unha maior complicidade) dos aparatos estatais, en particular da Xustiza, en gran parte confiada aos Irmáns Musulmáns. Esta estraña división do traballo permite aos Irmáns Musulmáns aparecer como moderados, tal como Washington pretende que se crea. Porén, hai loitas violentas en perspectiva no seo dos movementos relixiosos islámicos en Exipto. Porque o Islam historicamente dominante en Exipto é sufí, e as súas irmandades agrupan actualmente a 15 millóns de seguidores. Este  Islam aberto, tolerante, baseado na convición individual máis ca na práctica de rituais («hai tantas vías para chegar a Deus como individuos», afirman), sempre foi visto con sospeita polos poderes do Estado que, con todo, brandindo o pau e a cenoria, evitaron facer guerra aberta contra el. O Islam wahabí do Golfo sitúase nos antípodas do sufismo: arcaico, ritualista, conformista, inimigo declarado de calquera interpretación distinta da súa, que non é máis que un simple recitado dos textos, inimigo de todo espírito crítico, que asocia co demo. O Islam wahabí declarou a guerra ao sufismo, que quere erradicar, e para logralo conta co apoio das autoridades. Pola súa parte, os sufís son laicizantes, se non laicos, e chaman á separación da relixión e a política (o poder do Estado e as autoridades relixiosas recoñecidas por el: Al Azhar). Os sufís son aliados do movemento democrático. O Islam wahabí foi introducido en Exipto por Rachid Reda, na década de 1920, e continuada polos Irmáns Musulmáns a partir de 1927. Pero este movemento só adquiriu forza despois da Segunda Guerra Mundial, cando a renda petroleira dos países do Golfo, apoiados por Estados Unidos en conflito coa onda de liberación nacional popular da década de 1960, permitiu multiplicar os seus medios financeiros.

A estratexia de Estados Unidos: o modelo paquistaní

As tres potencias que dominaron o escenario de Oriente Medio durante todo o período de retroceso (1967-2011) son: Estados Unidos, patrón do sistema, Arabia Saudita e Israel. Trátase de tres aliados íntimos. Os tres comparten o mesmo temor obsesivo á emerxencia dun Exipto democrático. Porque este só podería ser antiimperialista e social, tomaría as súas distancias respecto ao liberalismo mundial, condenaría a Arabia Saudita e aos países do Golfo á insignificancia, reanimaría a solidariedade dos pobos árabes e imporía o recoñecemento do Estado palestino por parte de Israel.

Exipto é unha pedra angular na estratexia estadounidense para controlar o planeta. O obxectivo exclusivo de Washington e os seus aliados Israel e Arabia Saudita é conseguir que fracase o movemento democrático en Exipto; con ese fin, queren impor un «réxime islámico» dirixido polos Irmáns Musulmáns , que é o único medio que teñen para perpetuar a submisión de Exipto. O «discurso democrático» de Obama só serve para confundir as opinións inxenuas, as de Estados Unidos e Europa en primeiro lugar.

Fálase moito, para dar unha lexitimidade a un goberno dos Irmáns Musulmáns  (aliados da democracia!), do exemplo turco. Pero só é unha cortina de fume. Porque o exército turco, que segue presente entre bastidores, aínda que en realidade non é democrático e ademais é un aliado fiel da OTAN, mantén a garantía do «laicismo» en Turquía. O proxecto de Washington, expresado abertamente por Hillary Clinton, Obama e os think tanks ao seu servizo, inspírase no modelo paquistaní: o exército (islámico) entre bastidores, o goberno (civil) asumido por un ou varios partidos islámicos «electos». Obviamente, se se dese este caso, o goberno «islámico» exipcio sería recompensado pola submisión nos asuntos esenciais (non cuestionar o liberalismo nin os presuntos «tratados de paz» que permiten a Israel continuar coa súa política de expansión territorial) e podería proseguir, como unha compensación demagóxica, coa posta en marcha dos seus proxectos «de islamización do Estado e da política», e cos asasinatos dos coptos! Fermosa democracia a que se concibe en Washington para Exipto. Evidentemente Arabia Saudita apoia con todos os medios (financeiros) ese proxecto. Porque Riad sabe perfectamente que a súa hexemonía rexional (no mundo árabe e musulmán) esixe reducir Exipto á insignificancia. E o medio é «a islamización do Estado e da política»; de feito unha islamización de tipo wahabí con todos os efectos –entre outros as desviacións fanáticas con respecto aos coptos e a negación dos dereitos á igualdade das mulleres.

¿É posible esta forma de islamización? Quizais, pero ao prezo de violencias extremas. A batalla céntrase sobre o artigo 2 da constitución do réxime deposto. Dito artigo, que estipula que «a Sharia é a fonte do dereito», é unha novidade na historia política de Exipto. Nin a constitución de 1923 nin a de Nasser a imaxinaron. Foi Sadat quen a introduciu na súa nova constitución co triplo apoio de Washington (respectar as tradicións!), de Riad (o Corán toma o lugar da constitución) e de Xerusalén (o Estado de Israel é un Estado xudeu).

O proxecto dos Irmáns Musulmáns segue mantendo o establecemento dun Estado teocrático, como o testemuña a súa adhesión ao artigo 2 da constitución de Sadat/Mubarak. Por riba o programa máis recente da organización tamén reforza esa visión nostálxica coa proposta de instaurar un «Consello de Ulemas» encargado de velar por que todos os proxectos de lei sexan conformes ás esixencias da Sharia. Ese consello constitucional relixioso é análogo ao de Irán que controla ao «poder electo». Daquela o réxime sería o dun súper partido relixioso único, e todos os partidos que se autodefinan como laicos converteríanse en «ilegais». Os partidarios de ditos partidos, así coma os non musulmáns (por exemplo, os coptos) quedarían excluídos, de feito, da vida política. A pesar de todo isto os poderes de Washington e Europa fan como se se puidera tomar en serio a recente declaración dos Irmáns «renunciando» ao proxecto teocrático (sen modificar o seu programa!), outra declaración mentireira e oportunista. Seica os expertos da CIA non saben ler árabe? A conclusión imponse: Washington prefire o poder dos Irmáns, que lle garanten o mantemento de Exipto na súa área de influencia e na da globalización liberal, ao poder dos demócratas cos que correría o risco de que se cuestionase seriamente a condición subalterna de Exipto. O Partido da Xustiza e da Liberdade, creado recentemente e visiblemente inspirado no modelo turco, non é máis que un instrumento dos Irmáns. Admitirían aos coptos (!), o que significa que os invitan a aceptar o Estado musulmán teocrático consagrado polo programa dos Irmáns se queren ter dereito a «participar» na vida política do seu país? Pasando á ofensiva, os Irmáns Musulmáns crean «sindicatos», «organizacións campesiñas» e unha longa lista de «partidos políticos» con diferentes nomes co único obxectivo de dividir as frontes unidas de traballadores, campesiños e demócratas en beneficio, por suposto, do bloque contrarrevolucionario. Será capaz o movemento democrático exipcio de abolir ese artigo na futura constitución? Só podemos responder a esta pregunta volvendo a examinar os debates políticos, ideolóxicos e culturais que se despregaron na historia do Exipto moderno.

Comprobamos, en efecto, que os períodos ascendentes se caracterizan por unha diversidade de opinións abertamente expresadas que relegan a «relixión» (sempre presente na sociedade) a un segundo plano. Así foi durante dos terzos do século XIX (de Mohamed Alí ao Xedive Ismail). Os temas da modernización (nunha forma máis de despotismo ilustrado que democrática) dominaron entón a escena. Foi o mesmo de 1920 a 1970: había un enfrontamento aberto entre os «demócratas burgueses» e os «comunistas», que ocuparon amplamente o primeiro plano da escena até o nasserismo. Este suprimiu o debate para substituílo por un discurso populista panárabe, pero ao mesmo tempo «modernizador». As contradicións dese sistema abriron o camiño de regreso ao Islam político. Podemos comprobar que nas fases de retroceso, polo contrario, desaparece a diversidade de opinións deixando sitio a un tradicionalismo presuntamente islámico que se arroga o monopolio do discurso autorizado polo poder. De 1880 a 1920 os británicos fixeron xurdir esta tendencia, entre outras cousas ao condenar ao exilio (sobre todo en Nubia) a todos os pensadores e actores modernistas exipcios formados desde Mohamed Alí. Pero tamén se constata que «a oposición» á ocupación británica se localiza así mesmo nesa concepción tradicionalista. A Nahda (inaugurada por Afghani e continuada por Mohamed Abdou) inscríbese nesta tendencia, asociada á ilusión «otomanista» defendida polo novo Partido Nacionalista de Mustafá Kemal e Mohamed Farid. Non debería sorprender que esa deriva conducise cara ao final da época aos escritos ultra reaccionarios de Rachid Reda, recuperados por Hassan el Banna, fundador dos Irmáns Musulmáns .

Aconteceu o mesmo no período de retroceso dos anos 1970-2010. O discurso oficial do poder (de Sadat e de Mubarak), perfectamente islamita (como o proba a introdución da Sharia na constitución e a delegación de poderes esenciais aos Irmáns Musulmáns ), é tamén o da falsa oposición, a única tolerada, a do discurso das mesquitas. Por iso o artigo 2 pode parecer moi solidamente ancorado na «convición» xeral (na «rúa» como se adoita dicir por imitación do discurso estadounidense). Non se poden subestimar os efectos devastadores da despolitización instaurada sistematicamente durante os períodos de retroceso. Nunca é fácil ir contra corrente. Pero non é imposible. Os debates actuais en Exipto céntranse –explícita ou implicitamente- nesa cuestión da presunta dimensión «cultural» do desafío (islámico neste caso). Indicadores positivos: foron suficientes algunhas semanas de debates libres impostos polos feitos para ver desaparecer de todas as manifestacións o slogan «o Islam é a solución» en beneficio de reivindicacións precisas no terreo da transformación concreta da sociedade (liberdade de opinión, de formación de partidos, sindicatos e outras organizacións sociais, salarios e dereitos laborais, acceso á terra, educación e sanidade, rexeitamento das privatizacións e chamada ás nacionalizacións, etc.). Un sinal que non engana: nas eleccións dos estudantes a esmagadora maioría (80%) dos votos dados aos Irmáns Musulmáns hai cinco anos (cando era o único discurso aceptado como presunta oposición) caeu ao 20% nas eleccións de abril. Pero o adversario tamén sabe organizar a resposta ao «perigo democrático». As modificacións insignificantes da constitución (aínda vixente!) propostas por un comité constituído exclusivamente por islamitas elixidos polo consello supremo (o exército) e adoptados a toda présa en abril por referendo (cun 23% de «nons», pero unha maioría de «sis», forzada polas fraudes e unha chantaxe masiva das mesquitas) non afectan, obviamente, ao artigo 2. As eleccións presidenciais e lexislativas están previstas para setembro/outubro de 2011. O movemento democrático loita por unha «transición democrática» máis longa, de forma que permita aos seus discursos chegar verdadeiramente ás masas desamparadas. Pero Obama fixo a súa elección nos primeiros días da insurrección: unha transición breve, ordenada (é dicir, sen cuestionar os aparatos do réxime) e eleccións (que dean a desexada vitoria aos islamitas). Como sabemos, as «eleccións» en Exipto, como noutras partes do mundo, non son o mellor medio de asentar a democracia senón, con frecuencia, o de acabar coa dinámica dos avances democráticos.

Unha última palabra con respecto á «corrupción». O discurso dominante do «réxime de transición» pon o acento na súa denuncia asociada con ameazas de persecución xudicial (está por ver como será en realidade). Ese discurso certamente é ben recibido, particularmente pola fracción, sen dúbida a máis ampla, da opinión inxenua. Pero gárdase de analizar as súas razóns profundas e de explicar que a «corrupción» (presentada como unha desviación moral, un tipo de discurso moralista estadounidense) é un compoñente orgánico necesario na formación da burguesía. Non só no caso de Exipto e nos países do Sur en xeral, trátase da formación dunha burguesía compradora cuxa asociación cos poderes do Estado constitúe o único medio de emerxer. Sosteño que no estado capitalista dos monopolios xeneralizados a corrupción se converteu nun elemento constitutivo orgánico da reprodución do modelo de acumulación: a percepción das rendas dos monopolios esixe a complicidade activa do Estado. O discurso ideolóxico (o virus liberal) proclama «nada de Estado» mentres que a súa práctica é «o Estado ao servizo dos monopolios».

Zona de tempestades

Mao non se equivocaba cando afirmou que o capitalismo (na súa existencia auténtica, é dicir, imperialista por natureza) non tiña nada que ofrecer aos pobos de tres continentes (a periferia constituída por Asia, África e América Latina, esa «minoría» que reúne o 85% da poboación do planeta) e que polo tanto o Sur constituía a «zona de tempestades», é dicir, das revoltas repetidas, potencialmente (pero só potencialmente) portadoras de avances revolucionarios dirixidos á superación socialista do capitalismo.

A «Primavera Árabe» inscríbese nesta realidade. Trátase de revoltas sociais potencialmente portadoras da cristalización de alternativas que poden inscribirse a longo prazo na perspectiva socialista. É a razón pola cal o sistema capitalista, o capital dos monopolios dominantes a escala mundial, non pode tolerar o desenvolvemento deses movementos. Mobilizará todos os medios posibles de desestabilización, desde as presións económicas e financeiras até a ameaza militar. Apoiará, segundo as circunstancias, ben as falsas alternativas fascistas ou pseudofascistas, ben a implantación de ditaduras militares. Non hai que crer unha palabra do que di Obama. Obama é Bush pero con outra linguaxe. Hai unha duplicidade permanente na linguaxe dos dirixentes da tríade imperialista (Estados Unidos, Europa occidental, Xapón).

Non teño a intención, neste artigo, de examinar con tanta precisión cada un dos movementos en curso no mundo árabe (Tunisia, Libia, Siria, Iemen e outros). Porque os compoñentes do movemento son diferentes dun país a outro, igual que o son as formas da súa integración na globalización imperialista e as estruturas dos réximes establecidos.

A revolta tunesina deu o disparo de saída e certamente alentou moito aos exipcios. Por outra parte o movemento tunesino conta cunha auténtica vantaxe: o «semilaicismo» implantado por Burguiba sen dúbida non poderá ser cuestionado polos islamitas que regresan do seu exilio en Gran Bretaña. Mais ao mesmo tempo o movemento tunesino non parece estar en condicións de cuestionar o modelo de desenvolvemento extravertido inscrito na mundialización capitalista liberal.

Libia non é Tunisia nin Exipto. O bloque no poder (Gadafi) e as forzas que combaten contra el non teñen ningunha analoxía cos de Tunisia e Exipto. Gadafi non é máis ca un monicreque cuxa falta de pensamento encontra o seu reflexo no seu famoso Libro Verde. Ao actuar nunha sociedade aínda arcaica, Gadafi podía permitirse discursos –sen grande alcance real- sucesivamente «nacionalistas e socialistas» e despois, ao día seguinte, adherirse ao «liberalismo». Fíxoo «para compracer os occidentais!», como se a escolla do liberalismo non tivese efectos na sociedade. Pola contra, tívoos e agravou as dificultades sociais para a maioría. Entón xa estaban creadas as condicións para a explosión que coñecemos, inmediatamente aproveitada polo Islam político do país e os rexionalismos. Porque Libia nunca existiu realmente como nación. É unha rexión xeográfica que separa o Magreb e o Mashreq. A fronteira entre ambos pasa precisamente polo medio de Libia. A Cirenaica, historicamente grega e helenística, despois converteuse en «mashrequina». A Tripolitania foi latina e converteuse en magrebí. Por iso sempre hai unha base para os rexionalismos no país. En realidade non se sabe quen son os membros do Consello Nacional de Transición de Bengasi. Quizais haxa demócratas entre eles, pero é seguro que hai islamitas, dos peores, e rexionalistas. Desde a orixe, «o movemento» tomou en Libia a forma dunha revolta armada, disparando sobre o exército, e non a dunha onda de manifestacións civís. Esta revolta armada, por outra parte, chamou inmediatamente á OTAN no seu auxilio. Dábase así a ocasión para unha intervención militar das potencias imperialistas. Os obxectivos que se perseguen non son, certamente, nin a «protección dos civís» nin a «democracia», senón o control do petróleo e a consecución dunha importante base militar no país. Certamente as compañías occidentais xa controlaban o petróleo libio desde a adhesión de Gadafi ao «liberalismo». Pero con Gadafi nunca se pode estar seguro de nada. E se vira a chaqueta e mañá mete no seu xogo aos chineses ou aos indios? Pero hai algo máis grave. Gadafi esixira, desde 1969, a evacuación das bases británicas e estadounidenses establecidas en Libia tras a Segunda Guerra Mundial. Na actualidade, Estados Unidos necesita transferir o AFRICOM (o mando militar de Estados Unidos para África, unha peza importante do dispositivo de control militar do planeta situado en Stuttgart!) a África. A Unión Africana rexéitao e até agora ningún Estado africano se atreveu a aceptalo. Un lacaio establecido en Trípoli (ou en Bengasi) obviamente subscribiría todas as esixencias de Washington e dos seus aliados subalternos da OTAN.

Os compoñentes da revolta en Siria até agora non deron a coñecer os seus programas. Sen dúbida a deriva do réxime baasista, adherido ao neoliberalismo e singularmente pasivo fronte á ocupación do Golán por parte de Israel, está na orixe da explosión popular. Pero non hai que excluír a intervención da CIA: fálase de grupos que penetraron en Deraa procedentes da veciña Xordania. A mobilización dos Irmáns Musulmáns , que xa estiveron hai anos na orixe das insurreccións de Hama e de Homs, quizais non é estraña ao complot de Washington, que se dedica a acabar coa alianza Siria/Irán, esencial para o apoio de Hezbolá en Líbano e de Hamás en Gaza.

En Iemen a unidade construíuse sobre a derrota das forzas progresistas que gobernaron o sur do país. Perderá o movemento a súa vitalidade ante esas forzas? Por esta razón se comprenden as dúbidas de Washington e do Golfo.

En Bahrein a revolta foi abortada pola intervención do exército Saudita e o masacre, sen que os medios de comunicación dominantes encontrasen nada que dicir. A dobre vara de medir, coma sempre.

A «revolta árabe» non é o único exemplo, aínda que é a expresión máis recente da manifestación da inestabilidade inherente á «zona de tempestades».

Unha primeira onda de «revolucións», se as chamamos así, varreu certas ditaduras de Asia (Filipinas, Indonesia) e de África (Malí), que foran establecidas polo imperialismo e os bloques reaccionarios locais. Pero alí Estados Unidos e Europa conseguiron abortar a dinámica deses movementos populares, ás veces xigantescos polas mobilizacións que suscitaron. Estados Unidos e Europa queren repetir no mundo árabe o que pasou en Malí, en Filipinas e en Indonesia: cambiar todo para que nada cambie! Alí, despois de que os movementos populares se desembarazasen dos seus ditadores, as potencias imperialistas esforzáronse para que o esencial permanecese a salvo por medio de gobernos aliados ao neoliberalismo e aos intereses da súa política estranxeira. É interesante comprobar que nos países musulmáns (Malí e Indonesia) o Islam político se mobilizou con ese fin.

Polo contrario a onda de movementos de emancipación que varreu América do Sur permitiu avances reais nas tres direccións que representan a democratización do Estado e a sociedade, a adopción das conseguintes medidas antiimperialistas e o compromiso na vía das reformas sociais progresistas.

O discurso dominante dos medios de comunicación compara as «revoltas democráticas» do Terceiro Mundo coas que puxeron fin aos «socialismos» de Europa do Leste tras a caída do Muro de Berlín. Trátase dunha falsidade pura e simple. Porque calquera que fosen as razóns (comprensibles) das revoltas en cuestión, aquelas inscribíanse na perspectiva da anexión da rexión polas potencias imperialistas de Europa occidental (en beneficio de Alemaña en primeiro lugar). De feito, reducidos xa ao estatuto de «periferia» da Europa capitalista desenvolvida, os países de Europa do Leste coñecerán mañá a súa auténtica revolta. Xa hai sinais que o anuncian, en particular na ex Iugoslavia.

Son de prever revoltas, potencialmente portadoras de avances revolucionarios, por todas partes, ou case, nos tres continentes que seguen sendo, máis ca nunca, zona de tempestades, desmentindo así os discursos dulcificados sobre o «capitalismo eterno» e a estabilidade, a paz e o progreso democrático que leva asociados. Pero esas revoltas, para converterse en avances revolucionarios, deberán vencer numerosos obstáculos: por un lado superar as debilidades do movemento, construír converxencias positivas entre os seus compoñentes, concibir e establecer estratexias eficaces, pero tamén por outra parte derrotar as intervencións (incluídas as militares) da tríade imperialista. Calquera intervención militar de Estados Unidos e a OTAN nos asuntos dos países do Sur baixo calquera pretexto, incluso os de aparencia amable –como a intervención humanitaria-, debe proscribirse. O imperialismo non quere o progreso social nin a democracia para eses países. Os lacaios que sitúe no poder cando gañe a batalla converteranse en inimigos da democracia. Non podemos deixar de lamentar que a «esquerda» europea, incluso radical, deixase de comprender qué é o imperialismo.

O discurso dominante na actualidade chama á instauración dun «dereito internacional» que autorice en principio a intervención cando se violen os dereitos fundamentais dun pobo. Pero non existen as condicións necesarias que permitan avanzar nesa dirección. A «comunidade internacional» non existe. Resúmese na embaixada de Estados Unidos, seguida automaticamente polas de Europa. É necesario describir a longa lista das intervención máis que desafortunadas, criminais nos seus resultados? (por exemplo Iraq). Hai que lembrar o principio de «dobre vara de medir» que as caracteriza? (Podemos pensar, obviamente, nos dereitos violados dos palestinos e no apoio incondicional a Israel ou nas innumerables ditaduras aínda apoiadas en África).

A primavera dos pobos do Sur e o outono do capitalismo

As «primaveras» dos pobos árabes, como as que coñeceron os pobos de América Latina desde hai dous decenios, o que denomino a segunda onda do espertar dos pobos do Sur –a primeira despregouse no século XX até a contraofensiva do capitalismo/imperialismo neoliberal- presenta formas diversas que van desde as explosións dirixidas contra as autocracias que acompañaron o despregamento neoliberal até o cuestionamento da orde internacional por parte dos «países emerxentes». Así, estas primaveras coinciden co «outono do capitalismo», o declive do capitalismo dos monopolios xeneralizados, mundializados e «financiarizados». Os movementos parten, coma os do século anterior, da reconquista da independencia dos pobos e os Estados das periferias do sistema, que retoman a iniciativa na transformación do mundo. Polo tanto son, ante todo, movementos antiimperialistas e, só potencialmente, anticapitalistas. Se eses movementos chegan a converxer co outro espertar necesario, o dos traballadores dos centros imperialistas, podería deseñarse a escala mundial unha perspectiva autenticamente socialista de toda a humanidade. Pero iso non está escrito en absoluto con antelación como unha «necesidade da historia». O declive do capitalismo pode abrir o camiño á longa transición ao socialismo como pode levar á humanidade pola vía da barbarie xeneralizada. O proxecto do control militar do planeta por parte das forzas armadas de Estados Unidos e os seus aliados subalternos da OTAN, sempre en marcha, o declive da democracia nos países do centro imperialista ou o rexeitamento retrógrado da democracia nos países en revolta do Sur (que toma a forma de ilusións pararrelixiosas «fundamentalistas» que propoñen o Islam, o hinduísmo e o budismo políticos), operan xuntos nesa perspectiva abominable. A loita por unha democratización laica adquire unha dimensión decisiva no momento actual, que opón a perspectiva da emancipación dos pobos á da barbarie xeneralizada.

Lecturas complementarias:

Hassan Riade, L’Egipte nassérienne, Minuit 1964.

Samir Amin, La nation arabe, Minuit 1976.

Samir Amin, A life looping forward, Memories of an independent Marxist, Zed, Londres 2006.
Samir Amin, L’éveil du Sud, Le temps des cerises, 2008. O lector encontrará aquí as miñas lecturas das realizacións do vicerrei Mohamed Alí (1805-1848) e dos xedives que o sucederon, en particular Ismaíl (1867-79) e Wafd (1920-1952), as posicións do comunismo exipcio fronte ao nasserismo, e a deriva da Nahda de Afghani a Rachid Rede.
Gilbert Achcar, Les Arabes et a Shoa, Actes Sud, 2009. Trátase da mellor análise dos compoñentes do Islam político (de Rachid Rede e dos Irmáns Musulmáns, os salafistas modernos).

Sobre a relación entre o conflito Norte/Sur e o que opón o comezo da transición socialista á continuación do despregamento do capitalismo, véxanse:

Samir Amin, La crise, sortir de la crise du capitalisme ou sortir du capitalisme en crise?, Le Temps des Cerises, 2009.

Samir Amin, La loi de la valeur mondialisée, Le Temps des cerises, 2006.

Samir Amin, Pour la cinquième internationale, Le Temps des cerises, 2006.

Samir Amin, The long trajectory of historical capitalismo, Monthly Review, Nova York, febreiro 2011.

Gilbert Achcar, Le choc des barbaries, Complexe, Bruxelas.

 

O Cairo e París, maio de 2011.

Tradución de Manuel González Pastoriza

Vigo, verán 2011

2011_a_pimavera_árabe